A Xunta abriu o luns 5 de xuño o prazo para solicitar axudas de ata 18.000 € destinadas a facer máis accesibles vivendas e edificios residenciais
As axudas da Xunta para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios residenciais poderán pedirse desde o luns 5 de xuño ata o 15 de xullo. Prevense axudas de ata 18.000 euros para facilitar a adaptación exterior e interior de inmobles residenciais para o seu uso por persoas con algún tipo de discapacidade.
Este é o segundo ano consecutivo que a Xunta de Galicia convoca estas subvencións, enmarcadas no Plan para o acceso á vivenda 2022-2025 e coas que se aspira a facer máis accesibles arredor de 1.700 vivendas no conxunto da Comunidade.
Orzamento
Cun orzamento global de 9 millóns de euros —máis do dobre que os fondos dispoñibles o ano pasado—, o obxectivo é apoiar economicamente os solicitantes no financiamento de intervencións e obras que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas ou faciliten o acceso tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo.
Ademais, as actuacións poderán realizarse non só dentro dos propios inmobles, senón tamén nos espazos e zonas comúns e naqueles que serven para comunicalos co exterior.
Obras subvencionadas
Entre as obras subvencionables inclúense, por exemplo:
- a instalación de ascensores
- salvaescaleiras
- ramplas ou mecanismos motorizados para a apertura de portas
- as reformas dos accesos desde a vía pública
- a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, visuais, táctiles ou sonoros
- dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior
- a domótica e outro tipo de tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal
- e calquera intervención que facilite a accesibilidade universal no interior das vivendas.
Beneficiarios
En canto aos beneficiarios, poderán acollerse ao programa as persoas físicas donas, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, as comunidades de veciños, as sociedades cooperativas e as empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios.
Contía da axuda
Con carácter xeral, as axudas cubrirán, como máximo, o 60% do custo da actuación que se vaia acometer, aínda que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80% se na vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
Contía en función do tipo de edificación e da situación persoal
Ademais destas limitacións, a contía das subvencións será variable e dependerá tanto da tipoloxía e das características dos inmobles obxecto da intervención como das circunstancias persoais dos seus residentes.
- Casa unifamiliar —illada ou agrupada—: o beneficiario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible
- Edificio residencial: concederase un máximo de 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial.
- Vivenda integrada nunha edificación de tipo colectivo: o importe da axuda da Xunta non superará os 6.000 euros.
En calquera dos tres supostos anteriores, a subvención chegará ata os 15.000 euros por vivenda se nela reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se se acredita un grao de discapacidade do 33% ou superior. Ademais, no suposto de edificios ou vivendas declarados Ben de Interese Cultural (BIC), catalogados ou con algún tipo de protección, os importes mencionados poderán incrementarse en 3.000 euros máis.
Para acollerse á convocatoria deste ano, as actuacións terán que estar iniciadas despois do 1 de xaneiro de 2022 e non finalizadas a día de hoxe, coincidindo coa publicación da resolución no DOG. O prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios residenciais colectivos será de 2 anos, dado que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren máis tempo.
Moi pronto máis información.
Orixe do contido: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/80548/xunta-abrira-proximo-lunes-plazo-para-solicitar-ayudas-hasta-18-000-destinadas
Ascel, expertos en Ascensores e Accesibilidade en elevación
Se a rehabilitación da súa vivenda ou edificio inclúe a reforma ou instalación dun ascensor ou algún sistema de Accesibilidade en elevación, lembre que en Ascel somos fabricantes e instaladores e que estaremos encantados de asesoralo en calquera das súas necesidades.
Chámanos agora! 986 19 19 66 ou escríbenos mediante o formulario de contacto ou a info@ascel.es
Tes algunha dúbida?
Tanto se tes algunha dúbida como se desexas solicitar un orzamento á medida das túas necesidades, en Ascel Vigo poñémonos á túa disposición para o que necesites.
Escríbenos sen compromiso! ou chámanos ao 986 191 966





