Particulares e comunidades de veciños poderán optar a partir do 5 de outubro e ata o 7 de novembro ás axudas da Xunta de Galicia de ata 12.500 € para facer máis accesibles as súas vivendas e edificios.

Como vos avanzamos o pasado mes de abril, o martes 4 de outubro de 2022 publicouse no DOG Núm. 189 a RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B). ver resolución

De canto serán as axudas?

As axudas para financiar obras de mellora da accesibilidade no ámbito residencial cubrirán, como máximo, o 60% do custo da actuación, aínda que esta porcentaxe poderá subir ata o 80% se na vivenda ou no edificio en cuestión reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

  • Vivendas que formen parte dun edificio residencial: ata 6.000 €
  • Mellora da accesibilidade en edificios: ata 9.000 €
  • Vivendas unifamiliares: ata 12.500 €
  • Vivendas con residentes con discapacidade igual ou superior ao 33%: ata 18.000 €

Se o teu edificio ou vivenda está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) ou ten algún tipo de protección, as axudas poderían incrementarse en 3.000 €.

 

Quen pode pedir estas axudas?

1. Persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares que cumpran os seguintes requisitos:
  • Estar acabadas antes de 2006
  • Que sexa domicilio habitual e permanente
2. Persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios residenciais que cumpran os seguintes requisitos:
  • Estar acabados antes de 2006
  • Que polo menos o 50% da súa superficie teña uso residencial de vivenda.
  • Que polo menos o 30% das vivendas sexan domicilio habitual.
  • Que as actuacións conten co acordo da comunidade de propietarios.
3. Persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas dentro dun edificio residencial que cumpran os seguintes requisitos:
  • Estar acabadas antes de 2006
  • Que sexa domicilio habitual e permanente
4. Comunidades de propietarios ou agrupacións de propiedade horizontal.
5. Sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas.
6. Empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas.
7. Persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria.

Que tipo de obras cobren estas axudas da Xunta de Galicia?

O obxectivo do programa é suprimir barreiras arquitectónicas en edificios e vivendas de uso residencial. Entre estas obras poderemos atopar:

  • Instalación de ascensores
  • Plataformas salvaescaleiras
  • Cadeiras salvaescaleiras
  • Mesas elevadoras
  • Ramplas ou mecanismos motorizados para a apertura de portas
  • Reformas dos accesos desde a vía pública
  • Colocación de produtos de apoio como guindastres
  • Sistemas tecnolóxicos de guiado
  • Sinais luminosos e visuais
  • Dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.

 

As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas antes da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo da obra será como máximo de 12 meses en vivendas unifamiliares e de 24 meses en edificios residenciais.

 

Información extraída de xunta.gal. Para ler a publicación completa no DOG, prema aquí.

 

Tes algunha dúbida?

Tanto se tes algunha dúbida como se desexas solicitar un orzamento á medida das túas necesidades, en Ascel Vigo poñémonos á túa disposición para o que necesites.

Escríbenos sen compromiso! ou chámanos ao 986 191 966